Thursday 09 de May de 2024

Chega a Carballo a campaña “Xeración D” para axudar á veciñanza a mellorar as súas habilidades dixitais


Todas as actividades suman puntos e permitirán que o noso concello compita a nivel estatal por acadar o premio final

A campaña Xeración D, promovida por RTVE dentro do Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia, chega a Carballo co fin de desenvolver e mellorar as competencias dixitais da cidadanía, aprender a sacar partido das oportunidades da dixitalización e coñecer novas ferramentas.

As persoas que se acheguen ata a unidade móbil que estará instalada na Praza do Concello os días 30 de xuño, 1 e 3 de xullo poderán poñer a proba os seus coñecementos na materia a través dunha experiencia dixital inmersiva. Buscadores da internet, redes sociais, ciberseguridade, xestións en liña… A dixitalización forma parte do día a día. Por iso, esta experiencia, pensada para todos os públicos, ofrece aos
usuarios multitude de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais.

As actividades son totalmente gratuítas, teñen unha duración aproximada duns 30 – 40 minutos e están pensadas para toda a cidadanía, con especial atención a persoas desempregadas ou maiores.

Que actividades se realizan?
1. Un test autodiagnóstico, que permitirá coñecer o nivel de cada persoa en competencias dixitais. Cos resultados obtidos, o persoal da campaña personalizará a experiencia e porá a disposición dos participantes cursos, formacións ou obradoiros orientados a desenvolver e fortalecer os seus coñecementos.
2. Ponte a proba! Co resultado do test, o visitante enfrontarase a xogos e actividades variados e de todos os niveis: dende aprender a realizar unha procura óptima na internet ata fuxir das fake news, optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a identidade dixital.
3. Sala de escape. Unha actividade inmersiva na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido para resolver o xogo e lograr saír da sala.

Todas as actividades suman puntos e permitirán que Carballo compita con localidades de todo o Estado por acadar o primeiro posto e gañar así a un premio.